A competición regresaba esta fin de semana para as dúas equipas do Auriense Campus da Auga, desta volta os partidos terían lugar o sábado en horario de tarde e os rivais, o conxunto de Irmandinhos de A Estrada, non sería a priori o rival máis cómodo para retomar o ritmo competitivo tralo parón do Nadal.
A quenda inicial foi para as nosas rapazas, que por motivo das numerosas baixas sufridas tiveron que xogar todo o partido cunha xogadora menos sobre o terreo de xogo. A pesar deste handicap inicial o partido foi máis igualado do que de inicio se prevía, con constantes alternativas no marcador ó longo do tempo regulamentario. As locais conseguiron darlle a volta ó marcador nos derradeiros minutos e asi leváronse a victoria por 3 tantos de vantaxe, no que as sensacións foron moi positivas. O resultado final foi de Irmandinhas 3-14 (26) Auriense 3-11(23).
Logo chegaría a quenda da equipa masculina, que afrontaba o encontro contra o líder con toda a forza do mundo para plantarlle cara, e así foi. Tras un inicio onde o conxunto local comezou dominando con gran acerto a paos, uns grandes minutos dos nosos rapaces conseguiron acurtar a distancias a tan só 3 puntos de diferencia, para chegar ó descanso 5 tantos abaixo. A segunda metade foi un calco da primeira, na que o conxunto local amosou por que é o líder cun gran acerto a paos, que fixo que a diferencia no tanteo fose maior do que as impresións durante o encontro facían pensar. Finalmente o resultado foi de Irmandinhos 3-21 (30) 3-07 (16) Auriense.
A vindeira fin de semana regresa o fútbol gaélico no sintético da Universidade, onde se prevé unha emocionante tarde coa visita dos conxuntos de Keltoi, no que se pon en xogo o 4º posto da Liga Masculina e no que as rapazas xogan contra un rival directo.