Despois dunha semana de parón, as equipas do Auriense FG regresaban á competición con dous partidos moi importantes, nos que practicamente se decidía o devir do resto de tempada tanto para a equipa feminina como para a masculina. As rapazas viaxaban a Vigo para enfrontarse a Keltoi, co obxectivo de continuar a boa xeira de xogo amosado na anterior xornada contra as líderes Herdeiras, nun partido que se decidiu por pequenos detalles. Por outra banda os rapaces recibían na casa a Estrela Gaels, nun partido no que se xogaban ser cuartos, dependendo de sí mesmos, para entrar no grupo que dá dereito a loitar polo título e pola clasificación para o Ibérico.

O domingo, a xornada foi madrugadora para as nosas rapazas, pois o partido daba comezo as 9:45 horas, cun sol que se facía notar xa pola cidade olívica. O partido comezou con baixo ritmo e con moita igualdade no marcador, froito do respecto que profesan ambas equipas. O acerto a paos, presente en todo o partido, foi o predominante nesta parte, na que aínda así as defensas impúxeronse claramente ós ataques, cun resultado no tempo de lecer de 6-5 para as locais.

Auriense Feminino Tempada 2018/2019

Na segunda metade a equipa local comezou cun pouco máis de intensidade e cun gol abriu certa vantaxe no marcador, porén foi só un espexismo, pois cunha extraordinaria defensa e un impecable acerto a paos, a nosa equipa logrou igualar o marcador e abrir distancia. A pesar dos intentos locais de aproximarse no marcador a distancia foi aumentando até acadar o resultado final de Keltoi 01-07 (10)- Auriense FG 00-17 (17).

Equipas da Liga femininda de Fútbol Gaélico Tempada 2018/2019 #gaélicogalego

Pola tarde o turno era dos rapaces, que debían acadar a victoria para conseguir o principal obxectivo da tempada, estar entre os catro mellores. O partido comezou con pouco ritmo por parte de ambas equipas, que acusaron a calor, mais a medida que avanzaba a primeira metade a nosa equipa foise atopando cómoda no campo, e con boas combinacións arriba desarbolou a defensa compostelá. O acerto a paos marcou a primeira metade, por parte de ambas equipas, o que deixou o marcador no descanso en 13-5, con todo por decidir na segunda metade.

Equipa masculina Auriense Campus da Auga Tempada 2018/2019 #gaélicogalego

A segunda metade comezou coa nosa equipa decidida a sentenciar o encontro e disipar as pantasmas de pasados encontros na casa, se ben a primeira metade tivo como protagonista o acerto a paos, a segunda estivo protagonizada polo acerto a porta, cunha gran actuación da equipa nesta faceta, que fixo que a vantaxe medrase de xeito considerable, sen que nada puidese facer o conxunto visitante, que cun só cambio acusou a calor, sempre presente no sintético da universidade ó longo da tarde. O resultado final foi de Auriense 10-12 (42)- Estrela Gaels 2-8 (14).

Tempada 2018/2019 Auriense Campus da Auga xogando na casa #gaélicogalego

Logo desta xornada teremos unhas semanas de descanso até o comezo da fase final para os rapaces e a continuación da segunda volta para a nosa equipa feminina. Agardaremos con ansia a volta á competición e con ganas de seguir demostrando o crecemento en xogo de ambos conxuntos.

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out /  Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out /  Change )

Connecting to %s