Voltaba o gaélico ao Campus da Auga. Nunha calurosa tarde de domingo, os equipos composteláns do Estrela Vermelha achegáronse ata Ourense para xogar dous intensos partidos de fútbol gaélico.

Nesta tarde, na que o sol foi protagonista, comezaron saltando ao sintético da Universidade as rapazas. Un Auriense de novo afectado polas baixas mediase ás segundas clasificadas da Liga, un Estrela Vermelha que viña con ganas de levarse a vitoria. O encontro comezou frenético, con ataques ben finalizados por parte das santiaguesas e contras das nosas rapazas, que acusaron o pouco acerto a paos durante todo o encontro. Na segunda parte, a maior profundidade do banquillo visitante permitiulles afrontar o resto do partido con maior enerxía, reflexándose así no resultado final de Auriense 4-7 (19) Estrela Vermelha 10-16 (46). Malia o resultado, o Auriense mantén as opcións de acadar un bo posto na clasificación, de lograr bos resultados nos 3 partidos restantes.

A continuación, saltaban ao terreo de xogo as escadras masculinas. Un Estrela Vermelha corto de efectivos viña con ganas de levarse os puntos, que o situarían empatado na primeira posición con Irmandinhos, trala derrota sufrida polos da Estrada a máns dos Fillos de Breogán. Pola nosa banda, un Auriense que ten como obxectivo primario mellorar no xogo, plantar cara e mellorar os resultados obtidos na ida plántabase no campo relaxado e listo para dar guerra ao equipo con máis títulos de Liga.
O encontro comezou igualado, con acerto por paos por parte dos dous equipos, tornando o partido nunha continua ida e volta de puntos, que fixeron as delicias do público, que se reuniu en bo número na grada ourensá. A igualdade quedaba claramente reflexada no descanso, liderando o marcador o conxunto visitante por so 4 puntos. Trala reanudación, a maior profundidade do banquillo local foi clave, e permitiu que o Auriense seguise sumando puntos coa mesma eficacia que na primeira metade, mentres os composteláns notaban o sobreesforzo.

Nos derradeiros intres do partido, un gol de Millán situaba ao Auriense por riba do marcador por so un punto…mais non puido ser, xa que na derradeira xogada un golpeo excepcional de Antón situaba o marcador no empate final. O resultado, Auriense 3 – 10 (19) – Estrela Vermelha 2 – 13 (19)

Estes resultados fan que a segunda volta da liga comece dun xeito espectacular e asegura emoción ata o final da competición. A próxima visita será a dos Fillos e Fillas de Breogán, o vindeiro domingo 31.