Regresaba de novo o gaélico ó sintético da Universidade, por segunda semana consecutiva, nunha xornada na que a calor marcaría novamente o transcurso de ambos partidos. Os visitantes, desta volta, viñan dende a cidade da Coruña, as equipas de Fillxs de Breogán chegaban coa intención de levarse os 2 puntos de regreso á casa.

A primeira quenda foi para a equipa dos rapaces, que dende o primeiro momento comezaron dominadores, con intención de non deixar demasiadas oportunidades ós coruñeses, que xa amosaron na ida do que eran capaces. A primeira metade, mantivo a igualdade no marcador, aínda que o xogo reflectía algo moi diferente, pois a tan só 5 minutos para o final da primeira metade a vantaxe era ourensá, 6 puntos arriba, sen embargo un par de xogadas desafortunadas remataron cun 12-11.

A segunda metade comezou moi igualada, con dúas equipas que intentaban asegurar puntos a paos, sen conceder moito na defensa. O partido era de ida e volta e co transcurso dos minutos a vantaxe física dos locais impúxose nas contras, rematando moitas delas con gol, o que rematou de romper o partido a favor da nosa equipa. O resultado final foi de Auriense 05- 14 (29) – Fillos de Breogán 02-14 (20)
Logo desta victoria, as rapazas tentarían culminar a tarde dourada, pero unha vez máis un partido igualado, decidido por pequenos detalles volveu a malograr un bo partido da nosa equipa. A primeira metade, baseada nunha igualdade absoluta, tan só se rompeu pouco antes do tempo de lecer, cun gol das visitantes, que puña o marcador 3 puntos arriba, con todo por decidir.

A segunda metade comezou sendo das visitantes, que amosaron a razón da súa boa tempada e abriron camiño, cunha vantaxe que chegou a ser de 7 puntos, mais as nosas non se viñeron abaixo e a falta de tan só 2 minutos para rematar a contenda, o partido ficaba novamente igualado. Coas dúas equipas volcadas, na procura dos puntos da victoria, as favorecidas foron, desta volta, as visitantes, que con dous puntos conseguiron sentenciar o partido, resultado final de Auriense 04-10 (22)- Fillas de Breogán 03-15 (24).
A vindeira semana volveremos a estar na Universidade, recibindo ós conxuntos da Estrada, no que semellan dous partidos duros para ambas equipas. A progresión de toda a tempada verase reflectida nun dos test máis duros para os rapaces e a nosa equipa feminina tratará de plasmar sobre o céspede o bo xogo amosado durante toda a campaña.
