Decepción, pero ORGULLO de equipa!
A pasada fin de semana as nosas rapazas, acompañadas dunha nutrida representación da equipa masculina, desprazábanse até Lalín para tomar parte na Final Four da Copa Galega Feminina, logo de gañarse o dereito a loitar por ela hai dúas semanas cunha excelente victoria ante Ártabras no Campo da Torre.

O torneo, desta volta celebrado no mesmo día (semifinais e final), tiña lugar nos anexos do Manuel Anxo Cortizo de Lalín. O primeiro partido sería o protagonizadio pola nosa equipa contra as rapazas de Herdeiras de Dhais, nun partido que mediría, así pois, a dous dos conxuntos máis destacados na Fase Regular da Liga. A primeira metade estaría marcada pola igualdade, tanto no xogo coma no tanteo, sempre con resposta por parte do equipo contrario, con defensas sólidas e fases de ataque que se prolongaban máis do habitual. A vantaxe inicial obtida por parte das xogadoras do Deza foi contrarrestada polas nosas xogadoras, que se foron ó tempo de lecer cunha vantaxe dun punto, 6-7 no marcador.

A segunda metade seguiu o mesmo percorrido ca primeira, cunha equipa local novamente golpeando primeiro e querendo abrir fenda no marcador, mais desta volta, o maior acerto na puntuación faría que o resultado se decantase a prol das do Deza, que chegarían ó final do partido ca vantaxe xusta para que a nosa equipa non puidera equilibrar o marcador.
Esta derrota deixaba as nosas rapazas sen opcións reais de loitar polo título da copa, mais deixando un sabor agridoce, pois o xogo real e a competitividade amosada no conxunto do partido non se reflectiu no marcador final. A equipa que loitaría contra nós polo terceiro e cuarto posto sería Fillas de Breogán, que despois de moito tempo perdía de novo un encontro contra Estrela Vermelha, que xa na Liga Galega lle complicara moito as cousas ás da cidade herculina.
O partido contra Fillas comezou de xeito igualado, mantendo o tanteo inicial por paos, mais chegada a metade do primeiro acto o partido rompeuse por mor do acerto a gol das rapazas do Campo da Torre, o que fixo que se abrise unha vantaxe que sería difícil de recuperar de cara a segunda metade.
Tralo tempo de lecer as nosas rapazas saíron co obxectivo de recurtar distancias e meterlle o medo no corpo a equipa campioa de liga, mais o bó oficio e a veteranía de Fillas de Breogán deu lugar a que o marcador se reducise de xeito mínimo, que para nada amosaba, nesta nova ocasión, a entrega e o traballo realizado pola nosa equipa ó longo de toda a tempada.
Un torneo máis para seguir medrando e mellorando resultados de campañas pasadas en ámbitos xerais, cunhas sensacións moi positivas e coa vista posta no Ibérico que se celebrará na cidade da Coruña a finais deste mesmo mes, no que hai un ano as nosas rapazas traían de volta para casa o título da Shield feminina, haberá unha segunda vez? Agardemos que si!!