Satisfactoria actuación na Copa
O sábado 6 tivo lugar na Estrada a Copa Galega 2017 na que participaron as nosas equipas feminina e masculina, deixando unhas moi boas sensacións de cara a datas vindeiras. A calor e a acumulación de cansazo nas pernas (constante durante toda a xornada) non foron impedimento para que a actuación fose salientable, mais foi merecedora de algo máis polos dous conxuntos.
A equipa feminina quedou a segunda clasificada nun grupo formado por Estrela Vermelha, Irmandinhas da Estrada e Ártabras, a primeira posición vendeuse cara nun grupo igualado no que o disputado partido ante as Irmandinhas foi decisivo para os seguintes emparellamentos. Posteriormente a derrota ante Fillas de Breogán relegounos a loitar polo 3º e 4º posto ante Pontevedra FG, nun partido que semellaba eterno e que se tivo que decidir na prórroga tralo empate acadado no tempo regulamentario. O 3º posto esfumouse por cuestión de minutos, premio escaso polo esforzo realizado.

Os nosos rapaces quedaron encadrados nun grupo formado por Fillos de Breogán e Cambados. A fase de grupos transcorreu de xeito emocionante, a axustada derrota ante Fillos de Breogán (por só 2 tantos de diferencia) facía presaxiar que se aveciñaba un gran día, mais a victoria axustada ante Cambados vislumbrou o cansazo que se pode chegar a acumular neste torneo. Trala clasificación coma 2º clasificados, os emparellamentos fixeron que tocaran en sorte Ártabros e Herdeiros do Dhais de Lalín, a abultada victoria ante Ártabros facía pensar nun encontro disputado e decisivo ante Lalín, mais finalmente os do Deza amosaronse firmes no seu xogo e conseguiron a clasificación para loitar por un posto na final.
Boas sensacións nesta Copa Galega, cun 4º posto para as nosas rapazas e un 5º posto para os nosos rapaces, cumprindo obxectivos unha vez máis e facendo medrar o fútbol gaélico na nosa cidade.