Por fin. Voltou a enerxía, a paixón, a emoción das fins de semana. Voltou o caucho, a suor, voltaron as flexións, as carreiras e os sprints. Caras novas, caras vellas, pero sempre ches de gañas de deixalo todo cada tardiña no Campus e cada finde onde toque.
Voltou o gaélico para o Auriense Campus da Auga F.G.
Tempada nova a que comezou pasada fin de semana para as dúas equipas da cidade das Burgas. Tocou desprazamento. Igual que fai un ano, visitamos A Coruña. Desta vez o rival eran Fillxs de Breogan (a tempada pasada abriuse fronte aos Ártabros, equipa que non participa esta tempada na Liga Galega de Fútbol Gaélico).

Abriron a Xornada os bloques masculinos. A Torre de Hércules foi testigo privilexiado do choque entre dous equipos que se tiñan ganas. O Auriense, con gañas de demostrar que o paso dado o ano pasado ía en serio e os Fillos, para demostrar que ainda seguen a ser o grande equipo ao que nos teñen acostumados. Cun bloque máis sólido e con maior rodaxe de pretempada, os herculinos foron os claros dominadores do encontro, con maior acerto tanto a paos como a porta, o que se reflexou no tanteo final de Fillos de Breogán 7-18 (39) | 2-8 (14) Auriense FG. Toca traballar e mellorar sensacións e xogo aos nosos rapaces.

Chegadas as 15:30 da tarde, foi o turno das rapazas. As Fillas, rival historicamente poderosísimo atopáronse fronte a un muro. As auriensás plantexaron un partido moi táctico, que se gañou desde a defensa, o que se reflexaría finalmente no tanteo final. A maiores da forza defensiva, acompañou o acerto de cara a porta, que decantou o partido do lado visitante, cun axustado resultado de Fillas de Breogán 1-8 (11) | 2-6 (12) Auriense FG. Uns puntiños que saben a gloria para as rapazas, que comezan a Liga da mellor das maneiras posibles!

A vindeira xornada será na casa, a finde do 26 de Outubro. Fronte a nós, Estrela Vermelha. Dura pedra de rodaxe para medir ata onde poden chegar as nosas equipas esta tempada!